Acto de apertura dun tramo da ciclovía a Milladoiro

Por Helike Marzo 28, 2025

Este sábado celebrarase xunto as Piscinas de Sar, un acto institucional no que abrirase parte da Ciclovía que conectará (Santiago - San Lázaro - Chus) co Milladoiro. O tramo en cuestión percorre polas Brañas do Sar e Estación Intermodal nun fito para a mobilidade sostible en Santiago de Compostela. Con esta importante inversión en infraestruturas, froito dos Fondos NextGeneration da UE e a iniciativa de por en marcha este proxecto por parte da Xunta de Galicia, acadarase un eixo seguro para a mobilidade en bici que no futuro próximo vertebrarase con novas obras noutros puntos da cidade.

Cartaz acto de apertura do tramo de ciclovía

A conexión de forma segura, a pé e en bicicleta, entre Santiago e Milladoiro é unha demanda histórica de hai máis de dúas décadas. A instancia do Grupo Interparlamentar para a bicicleta do Parlamento de Galicia, Composcleta redactou unha proposta para conectar ambos os núcleos, desde a nosa perspectiva de usuarios da bicicleta e viandantes.

A proposta que redactamos e que foi presentada a todos os grupos políticos nas eleccións municipais de 2019, podédela consultar no apartado “propostas” da nosa web. Dita proposta serviu como base e mellorouse substancialmente no actual proxecto de execución da Axencia Galega de Infraestruturas da Ciclovía Santiago-Milladoiro, en setembro do 2022, e grazas aos Fondos Europeos Next-Generation. Modificouse o trazado inicialmente proposto pero conservando a súa esencia e propósito.

Tamén propuxemos, e aínda seguimos vendo necesaria, a conexión máis directa e segura ao centro da cidade, polo viaduto do Ponche da Rocha, por Choupana, Rosalía de Castro, ata a praza de Galicia, continuando ata San Lázaro por Ensinanza e Basquiños, principal eixo vertebrador da cidade norte-sur. Todo isto nun contexto de emerxencia climática e nun cambio de paradigma modal no transporte urbano.

Por otro lado, a nosa asociación non é allea á polémica xerada por algúns colectivos da cidade para opoñerse a este carril bici ata Milladoiro. Como asociación participamos en asembleas veciñais nos barrios de Sar e Fontiñas presentando a nosa proposta inicial e defendendo a utilidade desta infraestrutura. Expresamos a dúbida sobre a idoneidade dalgún detalle técnico relativo á execución da obra, pero coincidimos no fondo da mesma e valoramos positivamente calquera avance para a realización da vía peonil ciclista. Lamentamos que non fose posible un acordo entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia ao respecto. Se che interesan os detalles sobre a nosa postura, elaboramos un comunidado expresando o noso apoio a esta infraestutura.

Por último, queremos suliñar que a Asociación Cívica Composcleta está sempre a disposición de calquera administración, institución ou colectivo, para colaborar neste cambio modal da mobilidade, que debemos conseguir entre todas, mediante o consenso e vontade de cambio, liderado polas administracións pero tamén contando cas achegas da sociedade civil.

Deixamos o programa do acto a continuación:

  • 11:30h: Chegada do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue á zona das piscinas do Sar neste punto de encontro.

  • 11:35h: Percorrido pola senda

  • 11:50h: Intervencións

    • 🎥 Emisión de vídeo (I)
    • 👩 Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue
    • 👨 Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo
    • 🎥 Emisión de vídeo (II)
  • 12:15h: Fin do acto

Asistentes Confirmados:

  • 👩 Directora xeral de Mobilidade, Judit Fontenla
  • 👨 Director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez
  • 👨 Presidente de Composcleta, Faustino Gómez
  • 👨 Representante da Xunta Directiva de Cogami
  • 👨 Director de obra (AXI), Carlos Lefler
  • 👨 Director de Construción de Ogmios, Javier Font
  • 👨 Xefe de obra de Ogmios, Javier Canosa
  • 👥 Membros/as de Cogami
  • 👥 Membros/as de Composcleta

Lugar de encuentro del acto