Comunicado da Asociación Cívica Composcleta sobre a vía peonil-ciclista Milladoiro - Santiago de Compostela

Por Faustino Febreiro 18, 2025

Mediante o seguinte comunicado, a Asociación Cívica Composcleta manifesta o seu apoio á execución dun carril bici ou ciclovía entre os núcleos urbanos do Milladoiro e Santiago de Compostela, e que está a levar a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas ao abeiro das políticas europeas para promover a mobilidade sostible.

Semella que se está desvirtuando este proxecto dende a loita política. Porén, a proposta partiu dunha dunha asociación cívica, cun enfoque medioambiental e social, e que despois foi desenvolta por persoas funcionarias técnicas da Axencia Galega de Infraestruturas. Independentemente dos partidos que coxunturalmente rixen os gobernos locais e autonómico, é unha iniciativa que claramente pretende facer avanzar a nosa cidade cara un modelo de transporte sostible beneficioso para a saúde de todas/os. Santiago de Compostela leva moito atraso respecto a outras zonas de Europa, da península Ibérica e incluso de Galiza.

Esta proposta tivo, e ten, como obxectivo potenciar a bicicleta como medio de mobilidade alternativa para, combinado co transporte público e os desprazamentos a pé, favorecer:

  • A redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e gases prexudiciais para a saúde dos seres vivos.
  • A redución do ruído nas cidades.
  • A diminución dos riscos de sinistros de tráfico.
  • A saúde xeral da poboación mediante a mobilidade activa.
  • A recuperación do espazo público actualmente dedicado ao uso intensivo de tránsito e estacionamento de coches.

A asociación Composcleta elaborou en 2019 a proposta orixinal na cal se baseou a Axencia Galega de Infraestruturas para desenvolver o actual proxecto de vía de conexión peonil- ciclista Santiago-Milladoiro. Como asociación de persoas ciclousuarias da cidade queremos manifestar que o carril bici que a administración autonómica está executando na actualidade é unha actuación positiva e necesaria no desenvolvemento da infraestrutura ciclista.

Este financiamento procedente de Europa, que só se pode usar en proxectos de intermodalidade, estacionamento e carril bici para a mobilidade sustentable, redundará nun efecto beneficioso para a cidade, artellando o resto de rutas seguras para bicicletas na mobilidade urbana sostible que precisa Santiago.

Un carril bici dedicado ás bicicletas e segregado das persoas que camiñan é esencial para que unha persoa ciclousuaria poida moverse rapidamente, convertendo a bicicleta nun medio de mobilidade competitivo fronte ao coche en termos de tempo e esforzo. A seguridade é un aspecto crucial destas vías, xa que é unha das causas fundamentais polas que a bicicleta non representa un medio de mobilidade maioritario na nosa sociedade. Debemos resaltar especialmente a idea do deseño de “vías seguras para todas as persoas e idades, especialmente nos extremos comprendidos entre 8 e 80 anos” (www.880cities.org).

A nosa asociación non é allea á polémica xerada por algúns colectivos da cidade para opoñerse a este carril bici ata Milladoiro. Como asociación participamos en asembleas veciñais nos barrios de Sar e Fontiñas presentando a nosa proposta inicial e defendendo a utilidade desta infraestrutura. Expresamos a dúbida sobre a idoneidade dalgún detalle técnico relativo á execución da obra, pero coincidimos no fondo da mesma e valoramos positivamente calquera avance para a realización da vía peonil ciclista. Lamentamos que non fose posible un acordo entre o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia ao respecto.

O trazado proposto pola zona do Banquete de Conxo consegue un desnivel mínimo nas pendentes existentes entre Santiago e Milladoiro. Isto é fundamental para conectar as usuarias cos servizos e puntos de destino da cidade sen realizar elevado esforzo físico, facéndoo competitivo fronte a uso do coche privado. Ademais permite o emprego de infraestruturas ferroviarias en desuso que cumpren con estes requisitos de limitación do desnivel.

O Banquete de Conxo amais de ser un lugar de paso é tamén un destino en si mesmo. Esta vía permitirá a accesibilidade, tanto en bicicleta, en cadeira de rodas, VMP, ou con carriños de crianzas, cunha superficie de rodaxe adecuada que poida ser adaptada ao seu entorno.

En ningún momento o proxecto contemplou asfaltar o Banquete de Conxo nin o derribo de árbores senlleiras, tal e como recolleron as mensaxes alarmistas de diferentes colectivos. Como asociación especialmente implicada na defensa do medio ambiente, pedimos sempre que as obras se realicen coa máxima sensibilidade para preservar o medio natural. Tamén valoramos positivamente a modificación do trazado empregando a contorna do Hospital Provincial, minimizando a coincidencia co proxecto do Ecobosque de Conxo. Asemade non debemos ignorar o impacto medioambiental que xa teñen os máis de 200 mil coches que transitan diariamente polas inmediacións da nosa cidade, e moi particularmente no entorno deste enclave (autoestrada e vías de alta capacidade).

A proposta alternativa polas rúas de Torrente e Benéfica de Conxo (por Televés), non é aceptable por comprometer as condicións de uso da mesma. Por unha banda, esta modificación compromete as condicións de seguridade mediante un deseño non homoxéneo ao longo do seu percorrido. Por outra, obrigaría ás persoas ciclousuarias a circular nunha estrada compartida con vehículos a motor (non segregada) e cunha forte pendente. Isto penalizaría as condicións vantaxosas do trazado orixinal segregado para conectar ambos núcleos urbanos.

O trazado deste carril bici ofrece ás usuarias conexións coa estación intermodal, o Ensanche, Fontiñas, zonas comerciais e con centros escolares, sanitarios e deportivos. Estas achegas permitirán atraer un número elevado de persoas usuarias.

Preocúpanos, en particular, a conexión da Rúa Clara Campoamor (actual carril bici) coa Rúa de Sar, xa que, dada a súa anchura, non permite o tráfico bidireccional de bicicletas xunto con coches sen comprometer as condicións de seguridade. Consideramos que esta pista de conexión debe estar definitivamente pechada aos vehículos a motor e dedicar a outros usos o espazo actualmente utilizado como aparcadoiro.

Por último, queremos suliñar as características que debe cumplir tanto este novo carril bici como o resto das infraestruturas que se constrúan ou se adapten para esta nova mobilidade sostible:

  1. Seguridade: Percorrido seguro para calquera usuario-ciclista, que evita na medida do posible a competencia co tráfico motorizado.

  2. Coherencia: Rutas sen interrupcións, con continuidade ao longo do seu percorrido e que conducen directamente dun punto a outro, sen tomar longos rodeos innecesarios; e conectado coas infraestruturas da cidade.

  3. Comodidade: Rutas que permiten un tránsito fluído de bicicletas e de emprego doado para todo tipo de usuarias de bicicletas, con baixa pendente, superficie compacta, coa finalidade dunha mobilidade rápida e cómoda.

  4. Atractivo: Rutas que poñan en valor o medio ambiental, histórico, cultural e social ao longo do seu percorrido, conectando zonas atractivas da cidade e integrándose con outros destinos para formar unha rede ciclista máis ampla.

A Asociación Cívica Composcleta sociación está sempre a disposición de calquera administración, institución ou colectivo, para colaborar neste cambio modal da mobilidade, que debemos conseguir entre todas, mediante o consenso e vontade de cambio, liderado polas administracións pero tamén contando cas achegas da sociedade civil.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025

Asdo. Faustino Gómez

Presidente Asoc. Cívica Composcleta

Placa del eje de movilidad sostenible